A tempada de praias comezará a vindeira semana, despois de que os socorristas realizaran onte as probas prácticas

 Será en xuño, coma se vén facendo dende o 2016, mentres que con anterioridade a ese ano se iniciaba en xullo, e os membros do servizo de salvamento realizaron o exame en piscina un día antes que no 2014, cando foi o 16 de xuño. O rexeitamento en pleno, o 29 de abril, do crédito que incluía a contratación de socorristas adiou dúas semanas os prazos para incorporalos, pese ao que o Concello axilizou trámites para que finalmente o proceso se demorara só sete días


A tempada de praias en Ferrol dará comezo o vindeiro venres 25. Para ese día está programado o inicio do servizo de socorrismo, unha semana despois do previsto inicialmente como consecuencia do atraso na aprobación por parte do pleno municipal do expediente de modificación de créditos presentado polo goberno local no pleno do 29 de abril para dotar 15 aplicacións orzamentarias, entre as que se atopaba a contratación do persoal de salvamento para a tempada de verán deste ano. Dito punto rexeitouse tras votar en contra o Partido Popular e Ferrol en Común e absterse o BNG. O PSOE votou a favor da súa aprobación. Finalmente, no pleno extraordinario do 13 de maio aprobouse a modificación de crédito cos votos a favor de PSOE, PP e FeC e en contra do BNG. 


Os 14 días de dilación motivaron o consecuente atraso na tramitación, polo que o inicio do servizo de socorristas comezará máis tarde do previsto, o 25 de xuño en lugar do día 18. Será só unha semana debido á axilización do proceso por parte do Concello. De todos modos, a prestación nos areais da cidade durará igualmente tres meses meses e cubrirá todo o verán, que comeza oficialmente a vindeira semana e conclúe a penúltima de setembro. 

O intenso traballo do último mes posibilitará que, aínda así, a tempada se inicie en xuño, ao igual que nos últimos anos, mentres que no 2014 comezaba en xullo. De feito, as probas prácticas dos socorristas producíronse este ano un día antes que no 2014 (https://ferrol.gal/Concello/NovasAmpliar/1002).

A convocatoria municipal deste ano contempla contratar a 12 socorristas máis que o pasado verán. Dos 57 postos, un será para coordinador de praias e nove para coordinadores de caseta. A principal labor do primeiro será a de organizar ao persoal asignado e planificar quendas e horarios. Será responsable do axeitado uso do equipamento facilitado aos socorristas, de ordenar o mantemento correcto das instalacións de salvamento, da supervisión do servizo nas praias e de actuar como principal interlocutor co Concello. Pola súa banda, os coordinadores de caseta deberán levar a cabo a organización diaria do persoal propio da caseta en colaboración co coordinador de praias, organizar os grupos de traballo e as tarefas de mantemento de caseta, revisar, distribuír e facer proposta de reposición do material e organizar simulacros e adestramentos, entre outras labores. 

Este persoal desenvolverá as súas funcións de vixilancia e salvamento nas praias de Caranza, Doniños, A Fragata-O Vilar, San Xurxo, Esmelle, Penencia, Santa CombaMarmadeiro, Ponzos e A Graña.  

Traballos nos areais 
Mentres, o Concello ten en marcha, a través do departamento de Obras, diversas actuacións co fin de acondicionar os areais e os seus accesos para a tempada estival. Por unha banda, avanza a intervención integral que se está a executar en Doniños, unha actuación incluída no POS 2018 cun orzamento base de 97.236,25 euros. Implica a renovación do paseo marítimo e outros traballos na contorna do areal, tamén na zona do miradoiro, como o fresado do carril bici para renovar o seu firme e labores de mantemento e reparación no sistema de drenaxe. O proxecto tamén inclúe varias actuacións en materia de accesibilidade para adaptar os diferentes elementos ás necesidades das persoas con mobilidade reducida. Moitas destas tarefas xa están rematadas e outras están a piques de concluír. 

Por outra banda, estanse acondicionando os aparcadoiros das praias de Santa Comba e Ponzos co aporte de material e o seu compactado. Trátase dunha zona na que, pola súa catalogación medioambiental, unicamente están autorizadas intervencións brandas, polo que periodicamente é necesario desenvolver este tipo de traballos.

Finalmente, tamén se contemplan unha serie de reparacións e reposicións de diversas infraestruturas e elementos que contan cun orzamento de 7.696,81 euros. En Santa Comba repoñeranse pezas de protección nas varandas e táboas nos accesos á praia, outras repararanse e repoñerase tornillería (en aceiro inoxidable), ao igual que en Marmadeiro, onde tamén se repoñerán táboas de varanda. Na praia do Preixal, a carón da praia de Fragata, repararase o peche do acceso e subministraranse táboas para a zona do novo acceso ao camping. No caso da praia da Fragata substituiranse as portas dos aseos, repasarase a súa pintura e repoñeranse táboas do chan e no aparcadoiro de Cobas, tamén nos aseos, substituiranse varias manillas de portas e repoñerase o lavabo. Lamas concretou que se repoñerá o peche do acceso á praia de Esmelle, repararase o cartel informativo de Cariño e consolidarase o pasamáns no areal de San Felipe, entre outras intervencións prevista. No caso de Doniños repoñeranse varias táboas de pasamáns, de protección de varandas e do chan, ao igual que en Punta Penencia.